Galego Castellano

Semana audiovisual da Montaña de Ourense

XX Semana Audiovisual da montaña de Ourense 2018

Do 27 ao 30 de novembro celébrase a XX Semana Audiovisual da montaña de Ourense, organizada polo Club Alpino Ourensán. De novo contando co importante patrocinio da “Fundación Florencio Álvarez e María Teresa Esteban”, e a colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, grazas os cales un ano mais teremos a posibilidade de gozar de emocionantes aventuras contadas polos seus protagonistas.

 

Programa

Durante esta Semana da montaña de Ourense, podrá desfrutarse dunha Exposición de fotografía de montaña na Biblioteca Rosalía de Castro do Campus de Ourense cunha escolma dos traballos presentados ao XVIII Concurso de fotografía do Club Alpino Ourensán.

 

Iº descenso deportivo do Canón do río Mao

Antón Gavela e Francisco Xavier Valencia
Martes 27 de novembro ás 20:00 horas

XXX anos do barranquismo en Galicia. Un audiovisual relatado a través de fotografías e videos dos inicios do descenso de canóns e barrancos en Galicia. Retrotraerános tres décadas atrás cando o descenso do río Mao, por membros do Club Alpino Ourensán, foi pioneiro no panorama do barranquismo e o montañismo en Galicia. Ao final da ponencia contrastarán cun video dun descenso recente do canón do río Mao por parte dos pioneiros deste canón.

 

Balcáns e Nova Zelandia, outra forma de viaxar

Lisardo Quintas
Mércores 28 de novembro ás 20:00 horas

Para Lisardo a bici é unha filosofía de vida. Ate a data de hoxe, mais de 100 paises foron lugar de vivencias de distintas realidades. Esta audiovisual conta a experiencia de viaxar polos Balcáns e Nova Zelandia, unha dualidade de verán-inverno, perto-lonxe, viaxe accesible-complexa.

Ex Iugoslavia, Albania e Bulgaria e a Illa Norte e Illa sur de Nova Zelandia son realidades sociais, políticas, xeoclimaticas e económicas totalmente opostas.

 

Kaiak na Baixa California do Sur

Carmela Conde e Enrique Soto
Xoves 29 de novembro ás 20:00 horas

Segunda parte da triloxía “Tres travesías en kaiak, tres destinos”, comezada na XIX Semana Audiovisual e que nesta ocasión, os dous aventureiros ourensáns traerán dúas singladuras polo Mar de Cortés, na Baixa California do Sur,  en total autonomía.
A primeira delas, de unhas 55 millas náuticas (máis de 100 km) leva por título “O 8 de Espíritu Santo”, pola figura que describe o seu percorrido no arquipélago de Espítu Santo.
A segunda, “Travesía Loreto-La Paz”. Trátase dunha travesía lineal, o dobre de longa ca anterior e que percorre de Norte a Sur a costa Oeste do Mar de Cortés; dende a Badía de Loreto ata as proximidades da cidade da Paz.

 

100 días de soidade. Diario dunha experiencia

José Diaz
Venres 30 de novembro ás 20:00 horas

Como por graza divina, e sen ningunha intención de procura pola miña banda, hai uns anos volveu caer no meu poder Walden ou A vida nos bosques, o marabilloso libro de Thoreau.

Nada máis empezar a lelo, deime conta de que, aínda que de forma evidentemente máis humilde, a miña experiencia vivencial destes últimos anos en Redes tiña moitos puntos en común. Ocorréuseme a idea de tentar emular, case dous séculos despois, a este gran filósofo natural. Plantexeime recluírme na miña cabana durante un longo período de 100 días, sendo autosuficiente e desconectándome absolutamente do mundo real e os seus avances. Non dispuxen de electricidade, nin móbil, nin televisión, nin internet, nin reloxo… Só eu coa natureza.

O período para este confinamento foi o comprendido entre o 12 de setembro e o 19 de decembro de 2015. Elixín este período porque é no que máis cambios na natureza prodúcense para o goce dos espectadores. Días aínda de verán, o outono -a estación por excelencia na montaña e nos bosques de Redes, a recolección dos froitos secos e bagas, a berrea do cervo, as primeiras choivas, o belo outono multicolor e a caída das follas-, ata chegar ao mes máis duro do ano, no que as fortes nevadas cobren a paisaxe e a luz do día brilla pola súa ausencia.

 

Horario: 20:00 horas

Lugar:  Sala Emilia Pardo Bazán, edificio de facultades da Universidade. Ligazón a Google Maps https://goo.gl/maps/4oE4wCkx8bE2